A Xunta apoia a posta en marcha da aula interactiva e educativa Conxemar Lab

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou o pasado mércores 28 de xaneiro na inauguración do proxecto Conxemar Lab, a aula interactiva e educativa impulsada pola Asociación Española de Almacenistas Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), e que contou coa colaboración da Xunta, a través do Grupo de Acción Local Participativo Ría de Vigo- A Guarda.

Unha acción que, en palabras da conselleira, revela a importancia dos GALP para o desenvolvemento das localidades costeiras. A este respecto, Villaverde destacou que este Grupo leva xestionados nas convocatorias 2023, 2024 e 2025, iniciativas que recibiron un investimento do seu departamento de máis de 2,3 millóns de euros.

Situado na sede da asociación viguesa, este novo espazo, está destinado a achegar os produtos do mar á poboación infantil de entre 7 e 11 anos. Con tecnoloxía interactiva e outras actividades lúdicas, ofrece un percorrido multisensorial para coñecer de forma directa como funcionan o mar, a pesca, a acuicultura, a transformación e a comercialización dos produtos que ofrece o litoral galego.

Fonte: Consellería do Mar

Nova | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES