• XESTIÓN E MANTEMENTO DE CRUSTÁCEOS VIVOS EN CETARIAS, CENTROS REGULADORES E EXPOSITORES

    Queres mellorar a conservación e o manexo de crustáceos vivos garantindo a súa supervivencia e calidade? Neste obradoiro abordaranse os aspectos clave para unha xestión eficiente en cetarias, centros reguladores e expositores, desde a calidade da auga e o deseño das instalacións ata o transporte, o envasado e as boas prácticas de mantemento. Dirixido a profesionais do sector marisqueiro, lonxas, pescadarías, empresas comercializadoras e persoas emprendedoras.

  • NOVAS OBRIGAS DE FACTURACIÓN ELECTRÓNICA ENTRE EMPRESARIOS

    Coñece as novas obrigas en materia de facturación electrónica e prepárate para a súa implantación no sector do mar. Neste obradoiro explicaranse os principais cambios normativos, o calendario previsto de aplicación e resolveranse as dúbidas máis frecuentes para facilitar a adaptación de empresas, confrarías e entidades profesionais a este novo escenario.

  • DO MERCADO Á EMPRESA: NOVOS REQUISITOS DE SUSTENTABILIDADE E COMO CONVERTELOS NUNHA VANTAXE COMPETITIVA

    O mercado demanda cada vez máis información sobre sustentabilidade, trazabilidade, orixe dos produtos, pegada ambiental e cadea de subministración. Neste obradoiro descubrirás como preparar a túa empresa para responder a estas novas esixencias e como transformar a sustentabilidade, a calidade e a transparencia en ferramentas de diferenciación e oportunidades de negocio. Aprenderás tamén a comunicar estes valores de forma eficaz para reforzar a túa posición no mercado.

  • DA IDEA Á COLABORACIÓN: COMO PREPARAR UNHA PROPOSTA BREVE ENTRE ENTIDADES DO SECTOR DO MAR

    Tes unha idea de colaboración e non sabes como convertela nunha proposta clara e viable? Neste obradoiro práctico aprenderás a transformar conversas informais en proxectos concretos, identificando oportunidades de cooperación entre entidades do sector do mar e estruturando propostas sinxelas, útiles e fáciles de valorar. Ademais, coñecerás ferramentas para definir obxectivos, recursos, beneficios e primeiros pasos que axuden a activar novas iniciativas na economía azul galega.