A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, detallou no Parlamento que a xestión da Consellería do Mar para axudar ao mantemento produtivo dos bancos marisqueiros “está avalada polo coñecemento científico e técnico” e baseada “na situación socioeconómica dos traballadores do mar”. A directora xeral iniciaba así a súa comparecencia, anticipando que os fenómenos meteorolóxicos producidos nos anos 2013-2014 e 2023-2024 provocaron un descenso do recurso marisqueiro de zonas como Camariñas, situación que, segundo remarcou Ángeles V. Suárez, levou á Administración autonómica a actuar con celeridade para compensar aos produtores as perdas sufridas.
Concretamente, e despois de que a confraría de pescadores da localidade informase á Consellería da minoración produtiva rexistrada na enseada da A Vasa e na desembocadura do río Grande, a Xunta emprendeu accións específicas como a monitorización dos bancos, a remoción do substrato e limpeza das zonas indicadas, a toma de mostras de sedimento para a súa caracterización granulométrica, ademais da subministración de máis de 1.100.000 de unidades de ameixa -babosa, xaponesa e fina- desde o 2022 ata o 2025. Toda a semente procedente do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), do minicriadeiro de O Vicedo e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Ao mesmo tempo, e de maneira adicional a estas sementas, no período 2015-2025 financiouse a liberación de case 6 millóns de unidades de ameixa na superficie explotada por este depósito.
Fonte: Consellería do Mar
