A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo unha reunión con representantes da Fundación Expomar para analizar as vías de colaboración entre a Xunta e esta entidade ao longo do ano 2026, nun encontro centrado no impulso de iniciativas de promoción, formación e posta en valor do sector marítimo-pesqueiro. Na reunión avaliáronse as principais actividades previstas pola fundación para este exercicio, así como o papel que estas teñen na difusión do coñecemento, na transferencia de innovación e no reforzo da competitividade do sector do mar.
A responsable autonómica destacou a traxectoria de Expomar como foro de referencia para o encontro entre profesionais, empresas, administracións e axentes sociais vinculados ao ámbito marítimo, subliñando a importancia de iniciativas consolidadas como as Xornadas Técnicas, o Encontro Empresarial, a feira Produart ou o Día do Orgullo Mariñeiro. Estas accións contribúen, sinalou, a fortalecer a economía azul, promover o consumo de produtos do mar e visibilizar o peso estratéxico do sector no desenvolvemento económico e social de Galicia.
Fonte: Consellería do Mar
