A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou o 6 de febreiro no porto de Baiona o plan previsto polo seu departamento, a través de Portos de Galicia, para a renovación de pavimentos de pantaláns e outras instalacións flotantes en 10 peiraos de titularidade autonómica. A Xunta ten previsto un investimento de 640.000 euros nestas obras que se atopan xa en licitación pública.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou en Baiona o alcance desta actuación que beneficiará ao porto baionés así como aos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, A Barquiña (Outes), Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa e O Grove. A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira, e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.
Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes, minimizando os riscos de resbalón ou accidente. Ademais, quedarán repostas as táboas en mal estado debido á deterioración do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.
Fonte: Consellería do Mar
