Villaverde presenta en Outes o proxecto para a renovación do porto da A Barquiña

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou na mañá do 14 de febreiro no porto da A Barquiña, no municipio coruñés de Outes, o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira desta instalación. Trátase dunha actuación enmarcada nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa a día de hoxe en licitación por importe de 640.000 euros.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou en Outes o alcance desta actuación que beneficiará ao porto da Barquiña así como aos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona. A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira, e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

En concreto, no porto da A Barquiña actuarase sobre o conxunto das instalacións flotantes, incluíndo o pantalán e as pasarelas fixa e articulada. Esta actuación dará servizo tanto ás embarcacións profesionais como deportivas que desenvolven actividade neste peirao.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de  escorregamento ou accidente. Ademais, quedarán repostas as táboas en mal estado debido á deterioración do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES