Villaverde e a Confraría de Ribeira abordan as necesidades do sector e analizan posibles actuacións de mellora no recinto portuario

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a Confraría de Pescadores de Ribeira para analizar a situación do sector nesta parte do litoral galego e as necesidades específicas dos profesionais. A responsable autonómica, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, tamén tratou cos representantes do pósito posibles actuacións de mellora no recinto portuario que permitan afondar na mellora das condicións de traballo dos profesionais.

No encontro, a titular de Mar destacou o esforzo inversor realizado por Portos de Galicia este ano, destacando a renovación dos pavimentos dos viais e a renovación das luminarias do peirao por tecnoloxía LED de alta prestación e software de telecontrol que repercutiu nunha maior eficiencia enerxética. Ambas actuacións supuxeron un investimento conxunto que supera os 400.000 euros. Unha liña de traballo que terá continuidade e que permitirá garantir a competitividade do sector nun porto estratéxico na comunidade, que ocupa o terceiro posto por produción, con máis de 19.000 toneladas, e quinto por facturación, que no 2024 alcanzou os 40 millóns de euros.

Consellería do Mar

Nova | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES