Os produtos alimentarios de calidade diferenciada da terra e do mar de Galicia están presentes estes días en Miami (Estados Unidos) da man da Xunta, con motivo da celebración nesta cidade da feira Américas Food & Beverage Show, coa presenza dos selos de calidade diferenciada das denominacións de orixe vitivinícolas Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei e Ribeiro; as denominación de orixe protexidas de queixo San Simón da Costa e Tetilla; Artesanía Alimentaria e a Indicación Xeográfica Protexida Tarta de Santiago.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, atópanse en Miami para reforzar esta promoción. A iniciativa ten carácter pioneiro neste evento por parte do Goberno galego, da man da Consellería do Medio Rural en colaboración coa Consellería do Mar, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a Cámara de Comercio da Coruña e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Fonte: Consellería do Mar