Este luns arrincou a campaña da volandeira. E en Cambados, este ano, as previsións coas que se encara ese inicio de tempada son boas. Así o indicaba o patrón maior desta confraría, Alejandro Pérez, quen asegura que as mostraxes realizadas indican que hai marisco nos fondos da ría e, o que é máis importante, as pezas son de excelente calidade. «Tan boas ou incluso mellores cas do ano pasado», afirma o representante do depósito.
Coa campaña chamando á porta, a semana pasada mantívose unha reunión con quen a partir de hoxe, ben usando o rastro, ben utilizando o bou de vara, encargaranse de pescar un marisco que leva anos gañando protagonismo na ría. O encontro serviu para abordar cuestións organizativas. Na asemblea, por exemplo, estableceuse que a cota de capturas será como o do ano pasado: 50 quilos por tripulante, ata un máximo de 150 por embarcación. Con ese horizonte, o depósito botou contas e calcula que cada día de faena poxaranse na lonxa entre 4.000 e 5.000 quilos deste produto, que se destina tanto o marcado de fresco como ao de fábrica. En ambos detecta a confraría interese e ilusión ante o inicio da campaña. «Do produto hai demana», sinala o patrón maior, que abordou co depósito de Rianxo —que tamén captura volandeira— a posibilidade de establecer un prezo mínimo común e máis elevado que o do ano pasado: se entón o prezo de retirada era de dous euros, este ano esbozouse a posibilidade de incrementar esa cantidade ata os 2,5.
Fonte: La Voz de Galicia
Cambados encara con optimismo a campaña da volandeira e baralla subir o prezo mínimo do bivalvo
