A Consellería do Mar considera a ciencia e a investigación elementos estratéxicos na optimización da xestión do recurso e o impulso da actividade marisqueira galega. Así o indicou este martes na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na que deu conta das accións da Administración autonómica para a xeración de oportunidades neste eido.
Con esta finalidade, os Orzamentos do vindeiro ano dispoñen dunha dotación de máis de 3,8 millóns de euros para a xestión e accións de investigación nos centros de investigación mariña e proxectos no marco de Redemar, preto de medio millón de euros máis con respecto ao 2025. Esta rede, tecida entre o sector pesqueiro e os organismos científicos da comunidade, está a permitir neste intre, segundo destacou V. Suárez, “a execución de 21 proxectos de investigación por valor de máis de 4,8 millóns de euros”. Están relacionados, entre outras cuestións, coa restauración de bancos naturais, a mellora da produción e supervivencia dos moluscos bivalvos, a modernización e a profesionalización do sector.
Fonte: Consellería do Mar
