A Consellería do Mar está a colaborar coa confraría de Porto do Son para habilitar unha aula de formación no interior do edificio da lonxa da localidade coruñesa. Así quedou de manifesto esta mañá na reunión da titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, co patrón maior de Porto do Son, Emilio Queiruga, en Santiago.
No encontro, ao que asistiu tamén o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, a conselleira confirmou que o ente público elaborará un estudio técnico para autorizar a ampliación da primeira planta da lonxa, de modo que poida albergar unha nova aula destinada aos usos formativos. Así mesmo contemplarase a dotación dun ascensor para garantir a accesibilidade deste espazo. Con esta actuación a Consellería do Mar contribúe a impulsar o relevo xeracional no sector marítimo portuario de Porto do Son. Ademais a obra suporá a humanización deste espazo de traballo que poderá executarse contando coas axudas económicas do GALP.
Fonte: Consellería do Mar
