Rueda destaca a Jealsa como símbolo da Galicia innovadora, competitiva e comprometida e pon en valor a súa continuidade en Boiro ata 2067

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou a Jealsa como símbolo da Galicia innovadora, competitiva e comprometida, razóns que xustifican a prórroga excepcional que acaba de conceder o Goberno galego á súa planta en Boiro. Así, amplíase o prazo de vixencia da concesión ata os 75 anos, o máximo legal permitido, o que fará que a industria se manteña no lugar ata xuño de 2067.

“Había a posibilidade de darlle máis expectativas de permanencia e polo tanto de darlle seguridade a unha empresa consolidada”, salientou Rueda nunha visita, na que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, á planta da conserveira no porto de Bodión, no municipio coruñés.

“Aos motores económicos hai que apoialos. Se queremos que se cree riqueza e postos de traballo, se queremos que se consoliden, o que temos que facer é apostar con valentía, por suposto, dentro da legalidade”, afirmou. “Insisto, dentro do cumprimento estrito da normativa, non hai que ter ningún medo para tentar consolidar aos que apostan por seguir creando riqueza”, engadiu o presidente.

Fonte: Consellería do Mar

Nova | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES