Xunta e Arvi afondan no impulso do sector marítimo-pesqueiro

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse este xoves cos representantes da Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), co fin de analizar a situación actual do sector pesqueiro e os principais desafíos aos que se enfronta. Neste senso, a directora xeral puxo en valor o papel estratéxico da entidade viguesa como unha das principais organizacións empresariais do sector a nivel europeo, destacando a súa contribución á economía galega, á xeración de emprego e á defensa dunha pesca sostible e responsable.

Deste xeito, no encontro as dúas partes abordaron cuestións clave para impulsar a profesionalización e cualificación dos traballadores do mar e, de forma paralela, asegurar a remuda xeracional. A este respecto, Suárez citou a novidosa orde de axudas de formación que vén de poñer en marcha o Goberno galego para o presente ano. Por primeira vez, serán de concorrencia non competitiva, e están deseñadas para que poidan ser pedidas conforme as vaia necesitando o sector ao longo do ano, ata o 20 de outubro. Contan cun investimento de 800.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).

Fonte: Consellería do Mar

Nova | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES