A Consellería do Mar e a Universidade da Coruña seguen avanzando no desenvolvemento do Plan de Cultura Marítima de Galicia 2030 (Pcuma), que contempla a execución dun cento de accións destinadas á posta en valor do legado patrimonial e cultural vinculado aos oficios do mar. A responsable autonómica, Marta Villaverde, e o director do plan, Óscar Fortes, mantiveron o pasado xoves 5 de febreiro unha reunión de seguimento na que compartiron o avance dos traballos. Precisamente, no mes de decembro o Consello da Xunta aprobaba a addenda ao convenio asinado en 2021 coa UDC para o desenvolvemento deste Plan e a súa extensión ás illas galegas, o que eleva o investimento da Xunta ata os 314.844 euros.
Entre os traballos que se está realizando, un dos mais relevantes é o censo do patrimonio marítimo inmoble cos testemuños do patrimonio construído en relación aos oficios do mar existentes ao longo de toda a costa galega. Esta recompilación será presentada a finais de ano. A este respecto Villaverde puxo en valor a ampla variedade de bens inmobles e tamén de patrimonio inmaterial existentes en Galicia vinculados ao mar “é unha tarefa que debe implicar ao conxunto da sociedade, unha riqueza patrimonial, que tamén xoga un papel moi relevante na diversificación e dinamización económica das comunidades costeiras”.
Fonte: Consellería do Mar
