Portos de Galicia asina co Concello de Poio o convenio que permite ampliar as zonas habilitadas para a pesca recreativa en Raxó, Campelo e Combarro

O presidente de Portos de Galicia, entidade adscrita á Consellería do Mar, José Antonio Álvarez, e o alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes, asinaron o 19 de febreiro un convenio de colaboración para ampliar as zonas autorizadas para a práctica da pesca recreativa nos peiraos de Raxó, Campelo e Combarro. Os planos das novas zonas autorizadas están dispoñibles xa na páxina web de Portos de Galicia, onde figura tamén o plano que permitía xa esta actividade en todo o porto de Covelo.

En concreto, no porto de Campelo establécense tres zonas para a pesca: o lateral exterior e unha liña na entrada, máis próxima ao vial, como zonas libres e parte da punta do peirao, como zona con limitacións que poderán consultarse no plano. Polo que respecta ao porto de Combarro a nova liña de pesca habilitada dará continuidade á zona de pesca libre que se contemplaba no extremo sur do porto. Finalmente, en Raxó ábrese unha zona para esta actividade na punta do espigón.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES