A Xunta reforza a colaboración co sector da pesca recreativa nunha reunión con Fedpemar

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse o pasado mércores, 25 de febreiro, con representantes da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (Fedpemar) co obxectivo de reforzar a colaboración co sector da pesca recreativa para favorecer o desenvolvemento ordenado desta práctica e garantir a súa convivencia co resto dos usos do medio mariño.

Neste sentido, o encontro serviu para afondar na importancia de contar cun marco normativo claro e estable, que teña en conta as particularidades e o funcionamento do sector. Así mesmo, abordáronse distintas posibilidades de colaboración ou de apoio institucional para o desenvolvemento de iniciativas divulgativas.

Con esta reunión, a Consellería do Mar, a través do departamento que dirixe Rosón, deu continuidade á rolda de encontros e contactos cos distintos axentes socioeconómicos co obxectivo de reforzar a actividade marítimo-pesqueira e todos os ámbitos que a conforman.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES