A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu o 21 de abril no Pleno do Parlamento de Galicia a xestión da Xunta ante o episodio de mortalidade derivado dos temporais de comezos de ano. Durante a súa intervención, Villaverde reafirmou o compromiso “real e con feitos” do Goberno galego, que está a mobilizar un paquete extraordinario de 22,7 millóns de euros para axudar ás persoas mariscadoras a recuperar os bancos.
A titular de Mar detallou que a maior parte deste esforzo investidor, 19,2 millóns de euros, articúlase a través de convenios bilaterais de colaboración coas confrarías. Este modelo de coxestión permite que as propias entidades deseñen os seus plans de rexeneración —incluíndo sementas, limpeza de bancos ou acondicionamento do substrato, entre outros— mentres as persoas mariscadoras reciben unha compensación de aproximadamente 700 euros mensuais por estes traballos. A este importe súmanse 1,5 millóns para repoboación e outros 2 millóns destinados a proxectos de restauración da biodiversidade mariña.
Fonte: Consellería do Mar
