A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo a mañá do 27 de abril unha reunión co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, José Rosas, para abordar as liñas de investimento de Portos de Galicia nas dársenas da provincia. Villaverde, que estivo acompañada polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez, cifrou en máis de 18 millóns de euros o orzamento das actuacións portuarias na provincia de Pontevedra executadas en 2025 e en tramitación neste 2026.
Durante o encontro, ambas as partes constataron o funcionamento de dúas novas infraestruturas portuarias de gran envergadura finalizadas a finais do pasado ano como son a ampliación do peirao de Santo Adrián de Cobres e a ampliación da lonxa de Tragove, en Cambados, que mellorou as condicións de traballo dos seus máis de 1.000 usuarios. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu nestas obras 1,8 e 1,4 millóns de euros, respectivamente.
Fonte: Consellería do Mar
