A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Noia, Santiago Cruz, asinaron o 20 de maio o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira da entidade. Este acordo, dotado con preto de 1,6 millóns de euros, é o primeiro dos convenios bilaterais que a Xunta formalizará coas entidades do sector para paliar os efectos dos temporais e a baixada de salinidade.
A titular de Mar subliñou que a Administración autonómica sufraga na súa totalidade o plan de recuperación proposto pola propia confraría. “A Xunta pon así os recursos para dar resposta ás necesidades específicas recolleitas no plan de restauración dos bancos, elaborado pola entidade, que é a que establece a magnitude e contía económica final necesaria”, explicou Villaverde, quen puxo en valor este “modelo de cogobernanza que preside a política pesqueira na nosa comunidade, no que Administración e sector imos da man”.
Fonte: Consellería do Mar
