A Consellería do Mar mantivo o 10 de xuño unha reunión bilateral con responsables da Comisión Europea no marco da IV sesión do Comité de Seguimento do fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) celebrada en Alicante. O encontro, no que participaron a secretaria xeral técnica, Marta Barreiro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, tivo como obxectivo avaliar a execución e fixar a estratexia económica do exercicio en curso, no que a Xunta mobilizará un total de 55,5 millóns de euros en axudas para o complexo mar-industria.
A delegación autonómica presentou un balance de execución de marca que referenda a ampla experiencia de Galicia na complexa tramitación destes recursos comunitarios. Tras pechar o último exercicio cun nivel de certificación do 105% respecto ao obxectivo anual fixado por Bruxelas e preto de 65 millóns de euros de gasto certificado, a comunidade cumpre con éxito os prazos da regra n+3.
Fonte: Consellería do Mar
