A Xunta asina coa Confraría de Carril o convenio para recuperar os seus bancos marisqueiros tras os temporais

A Xunta de Galicia e a Confraría de Pescadores de Carril asinaron un convenio de colaboración para recuperar os bancos marisqueiros danados polos temporais e pola baixa salinidade rexistrada a comezos de ano. O acordo, autorizado polo Consello da Xunta e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), conta cun investimento de 100.417 euros e centrarase principalmente nos areais da Concha de Compostela e A Fangueira, cunha superficie duns 60.000 metros cadrados. Preto do 70 % do orzamento destínase a garantir ingresos para 50 mariscadoras que participarán nos labores de rexeneración.

Entre as actuacións previstas inclúense o arado dos bancos, a retirada manual de pedras, o nivelado do terreo e a eliminación de macroalgas, que serán xestionadas en colaboración co Concello. Ademais, desenvolveranse accións de control da fauna, como a captura de exemplares de ouxa para estudos científicos no marco do proxecto Sol-Ouxa II. Paralelamente, estableceranse quendas diarias de vixilancia para protexer unha área máis ampla, de arredor de 770.000 metros cadrados, incluíndo a zona de Os Lombos do Ulla, co obxectivo de preservar a biomasa reprodutora.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do mar

gl_ESGL_ES