Galicia lidera en Bruxelas o debate europeo pola reforma da Política Pesqueira Común

O 25 de xuño, a Xunta de Galicia organizou en Bruxelas, en colaboración co Comité Europeo das Rexións (CdR) e a Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), o debate estratéxico titulado “Trazar a reforma da PPC para garantir o futuro da pesca e as comunidades costeiras de Europa”. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidenta do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, expuxo a posición común das rexións marítimas de España, Francia, Italia e Portugal ante eurodeputados, representantes da Comisión Europea e do sector. O manifesto impulsado por Galicia reclama reequilibrar os tres piares da sustentabilidade (ambiental, económico e social), substituír o enfoque punitivo do deber de desembarco por un modelo preventivo e baseado na selectividade, eliminar os límites de arqueo que frenan a renovación da frota e reforzar a igualdade de condicións fronte a importacións de terceiros países.

Villaverde pechou cun mensaxe directo a Bruxelas: “As decisións sobre o futuro do mar europeo non se poden construír á marxe de quen vive del. Sen frotas viables non hai seguridade alimentaria, sen industria de transformación competitiva pérdese emprego, e sen comunidades costeiras vivas, simplemente non hai Europa marítima.” O acto é especialmente relevante porque coincide co momento en que se avalía o regulamento vixente, se elabora a Visión 2040 e se negocia a próxima programación financeira da UE, marcos que definirán o modelo pesqueiro europeo para as próximas décadas.

Fonte: GaliciaPress

Noticia | Portal de GaliciaPress

gl_ESGL_ES