A Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA), con sede en Vigo, adxudicou un novo contrato marco de 75 millóns de euros para o servizo de buques patrulleiros de pesca en alta mar, garantindo a continuidade operativa das súas tres embarcacións: Ocean Guardian, Ocean Protector e Ocean Sentinel. O contrato ten unha duración de catro anos e foi adxudicado tras un procedemento de licitación competitivo. Estes buques son os únicos medios de patrulla marítima coordinados directamente por unha axencia da Unión Europea.
As tres embarcacións despregaranse en apoio dos Estados membros nos Plans de Despregamento Conxuntos da EFCA, cubrindo o Mediterráneo, o Mar Negro, as Augas Occidentais, o Mar do Norte, o Báltico, e as zonas NAFO e NEAFC do Atlántico noroccidental e nordoriental. Ademais do control pesqueiro, os buques poderán participar en operacións multiusos de busca e salvamento, vixilancia marítima e resposta a episodios de contaminación. A renovación deste contrato é relevante para a flota galega de gran altura, que faena en caladeiros controlados pola EFCA.
Fonte: Galiciapress
Noticia | Portal de Galiciapress
