Galicia reclama á Comisión Europea que o esforzo da frota pola sustentabilidade se traduza en estabilidade de cotas e seguridade xurídica para 2027

A Consellería do Mar remitiu as súas achegas á consulta pública aberta por Bruxelas sobre a pesca sustentable na UE, esixindo que o cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade por parte da frota galega se traduza en estabilidade de cotas e seguridade xurídica para 2027. Galicia, que ostenta este semestre a representación de todas as comunidades autónomas no Consello de Ministros Agrifish da UE, defende o recoñecemento explícito do Golfo de Biscaia e as augas ibéricas como modelos de referencia en xestión responsable, e esixe evitar recortes automáticos de cotas cando a falta de recuperación de stocks obedeça a factores ambientais ou á actividade non declarada de terceiros.
A posición tamén reclama fondos específicos para modernización enerxética ante o forte impacto da crise enerxética na frota, igualdade de condicións (level playing field) para as importacións de conserva de atún extracomunitarias, e a continuidade dun fondo financeiro independente para pesca e acuicultura no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Pídese ademais apoio á pesca artesanal, o marisqueo a pé e o papel da muller na cadea extractiva.

Fonte: Consellería do Mar / GaliciaPress
Noticia | Xunta de Galicia

gl_ESGL_ES