Mar investirá 80.000 € na renovación da cuberta dos departamentos de armadores do porto de Burela  

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, investirá 80.000 euros na renovación da cuberta dos departamentos de armadores tipo B do porto de Burela (Lugo). Así o anunciou a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, nunha reunión coa confraría de pescadores da localidade. 

Botana explicou que as obras permitirán instalar unha nova cuberta nos dous bloques de locais para mariñeiros nos que non se renovara o tellado anteriormente. Esta actuación mellorará as condicións de traballo dos profesionais que operan no porto burelés e dará resposta a unha demanda trasladada pola confraría de pescadores. 

Durante o seu encontro co patrón maior, Basilio Otero, Botana confirmou que esta actuación dará comezo nas próximas semanas e estará executada antes de finais de ano. Ademais, lembrou que Portos de Galicia investiu xa outros 40.000 euros na mellora da nave de redes de arrastre e está a estudar a renovación da cuberta da nave de redeiras e caixas de pesca.

Fonte: Consellería do Mar
Noticia | Xunta de Galicia

gl_ESGL_ES