O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou en Madrid na mesa redonda sobre a xestión autonómica do FEMPA dentro da X Xornada organizada pola Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar). No encontro, celebrado no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Rosón puxo en valor a capacidade de execución da Administración galega e expuxo as principais propostas da comunidade para optimizar a chegada dos fondos europeos ao tecido produtivo.
Durante o balance do período vixente, o director xeral destacou a solvencia de Galicia, que superou con éxito o cumprimento da regra n+3 en 2025 ao certificar máis de 64,5 millóns de euros ante a Comisión Europea, acadando un grao de execución do 104,3 % sobre o obxectivo fixado. Rosón remarcou que o departamento autonómico mobiliza todo o crédito dispoñible desde o inicio de cada exercicio para garantir que os recursos asignados ata 2029 cheguen con axilidade á frota, ao marisqueo e á acuicultura.
Fonte: Consellería do Mar
Noticia | Xunta de Galicia
