Axentes da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e o servizo de Gardacostas de Galicia comisaron case 42 quilos de marisco, entre percebes, ameixas e navallas; así como diverso material utilizado para estas prácticas furtivas, no marco de dous operativos conxuntos desenvolvidos na ría da Coruña e na ría de Ferrol.
Na intervención da Coruña, realizada o pasado 7 de agosto, comisáronse un total de 25 quilos de ameixa, 12,5 quilos de percebe, diverso material e incautouse un vehículo. Ademais, os axentes identificaron a catro persoas ás que se lles tramitaron catro actas de sanción por infracción á Lei de Pesca de Galicia. As ameixas comisadas foron resementadas no lugar onde se atoparon, mentres que o percebe foi entregado a un centro benéfico da cidade da Coruña.
Nun segundo operativo, realizado na ría de Ferrol entre a noite do martes 12 e a madrugada do mércores 13 de agosto, comisáronse 4,1 quilos de navalla. Neste caso, identificáronse a seis persoas e tramitáronse tres actas de sanción. O marisco comisado puido ser resementado no lugar de extracción.
Consellería do Mar