A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola secretaria xeral técnica, Marta Barreiro, mantivo un encontro con responsables da firma tecnolóxica Marine Instruments, encabezados polo seu director xeneral, Gabriel Gómez Celaya. A reunión serviu como continuación á visita institucional realizada o pasado setembro ás instalacións da empresa en Nigrán, co obxectivo prioritario de analizar de xeito conxunto o desenvolvemento e aplicación de solucións avanzadas de alto rendemento que repercutan na eficiencia do sector pesqueiro galego.
Durante a reunión, puxéronse sobre a mesa as últimas innovacións da compañía pontevedresa —recoñecida co Premio Nacional de Innovación— no campo das boias satélite con intelixencia artificial, drons para a detección de bancos e sistemas de alimentación intelixente en acuicultura. Villaverde destacou o orgullo que supón para Galicia contar cunha firma punteira global que destina máis do 45% do seu equipo humano á I+D+i, e aliñou este potencial con retos como a competitividade do sector, o aforro de combustible ou a protección do medio mariño.
Fonte: Consellería do Mar
