A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá este ano 650.000 euros en melloras nos portos do municipio coruñés de Muros e Esteiro. Así o comunicou o 9 de abril a conselleira, Marta Villaverde, nunha visita á dársena na que informou das próximas actuacións.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez, explicou que o ente público investirá 70.000 euros na renovación integral do pavimento de madeira do pantalán profesional para embarcacións mexilloeiras do porto de Muros. Esta actuación atópase en licitación dentro dun contrato global para unha decena de peiraos por importe de 640.000 euros. Con este plan o ente público reforzará a resistencia das instalacións flotantes ante condicións adversas neste peirao así como nos de Lorbé (Oleiros), Muxía, A Barquiña (Outes), Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía de Arousa), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.
Fonte: Consellería do Mar
