A conselleira do Mar asinou o maior convenio económico do plan de recuperación dos bancos marisqueiros tras os episodios de baixa salinidade de principios de 2026 coa Confraría da Illa de Arousa, por un importe de 1.357.655 euros. O proxecto actuará en areais como A Canteira, O Bao, Camaxe, Xestelas e As Aceñas, mediante a sementeira de 2 millóns de unidades de ameixa babosa e actuacións de remoción e osixenación do substrato.
O convenio, cofinanciado polo FEMPA, beneficiará ata 153 mariscadoras, que percibirán unha remuneración de ata 700 euros mensuais por xornadas de 4 horas nas que realizarán tarefas de recuperación dos bancos, vixilancia, formación e control de especies invasoras.
Fonte: Consellería do Mar — Xunta de Galicia
