A Xunta renova o seu apoio á Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao” para fortalecer un oficio clave do sector do mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou o pasado 25 de febreiro un novo convenio de colaboración coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao para o ano 2026, co obxectivo de seguir apoiando o funcionamento ordinario desta entidade representativa dun oficio esencial para a actividade pesqueira galega.

O acordo, subscrito no despacho da titular de Mar, contempla unha achega de 10.000 euros por parte da Xunta para sufragar os gastos correntes derivados da actividade que desenvolve a federación. Deste xeito, o Goberno galego mantén un apoio continuado a esta entidade desde hai anos, cun investimento acumulado que alcanza os 122.000 euros desde 2017.

Durante o encontro, Marta Villaverde puxo en valor o papel estratéxico das redeiras dentro da cadea mar-industria e reiterou o compromiso do Goberno galego coa dignificación, a visibilización e o fortalecemento deste colectivo, clave para a seguridade, a eficiencia e a sustentabilidade das artes de pesca.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES