Prazo: ata o 22 de outubro de 2026
Descrición
A Consellería do Mar da Xunta de Galicia convoca, mediante a Orde do 11 de setembro de 2026, axudas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a compensar ás empresas acuícolas polas perdas sufridas durante o ano 2025 debido á suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados por motivos exclusivamente de saúde pública. A paralización debeu ser consecuencia da contaminación dos moluscos pola proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto con biotoxinas, cun período de peche superior a catro meses consecutivos.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as empresas acuícolas, persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos de acuicultura situados en Galicia que sufrisen a suspensión da colleita de moluscos cultivados durante o ano 2025 nos polígonos afectados. En concreto, a medida aplícase aos polígonos Bueu A, Bueu B, Cangas A e Cangas B, que permaneceron pechados durante máis de catro meses consecutivos por presenza de biotoxinas.
Requisitos principais
Ser titular dun establecemento de acuicultura situado nos polígonos afectados.
Ter sufrido unha suspensión da actividade superior a catro meses consecutivos durante 2025 por motivos de saúde pública relacionados con biotoxinas.
Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario establecidas na normativa de subvencións.
Estar ao corrente das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración autonómica.
Dispor dun seguro de responsabilidade civil do establecemento.
Presentar a solicitude por medios electrónicos a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.
Financiamento
As axudas están cofinanciadas nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Comunidade Autónoma de Galicia. O crédito máximo destinado á convocatoria ascende a 2.700.000 euros..
Características da axuda
Réxime de concorrencia non competitiva.
Destinada a compensar as perdas económicas derivadas da suspensión da colleita de moluscos cultivados.
A contía poderá alcanzar como máximo o 50 % das perdas nas vendas, calculadas comparando os resultados de 2025 cos anos 2022, 2023 e 2024.
Importe mínimo da axuda: 1.500 € por beneficiario.
Importe máximo da axuda: 100.000 € por beneficiario.
As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta (código de procedemento PE205K).
Será subvencionable, en determinados casos, o custo da certificación ou informe de auditoría requerido para subvencións superiores a 30.000 €, ata un máximo de 1.500 €.
