A Xunta continúa traballando coa Dirección Xeral da Mariña Mercante para afondar na colaboración entre a Administración autonómica e a estatal en ámbitos como a resposta a emerxencias marítimas ou a prevención e loita contra a contaminación mariña. Así, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro institucional coa responsable deste departamento, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Ana Núñez, co obxectivo de avanzar nos asuntos trasladados por Galicia na reunión do pasado mes de setembro.
A responsable autonómica destacou a constitución dun grupo de traballo para a elaboración dun protocolo de coordinación entre o servizo de Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo (Sasemar) coa finalidade de prestar un mellor servizo á sociedade e, particularmente, ao sector marítimo pesqueiro. Tamén estase a traballar na confección dun novo convenio de cooperación mutua entre ambos departamentos co obxectivo de dar unha resposta axeitada e áxil ante posibles incidentes que requiran a mobilización dos medios marítimos, aéreos e terrestres de ambas administracións.
Fonte: Consellería do Mar
