A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo o pasado 27 de febreiro un encontro telemático con distintas entidades do sector para explicarlles, de primeira man, as axudas habilitadas pola Consellería do Mar dirixidas a afondar na súa cualificación e profesionalización.
No mes de xaneiro, o Consello da Xunta deu o visto e prace ás bases desta nova orde para a formación dos traballadores do mar, que por primeira vez é de concorrencia non competitiva e está deseñada de tal maneira que as achegas poidan solicitarse conforme as vaian necesitando os destinatarios (confrarías e as súas federacións, organizacións de produtores, cooperativas ou asociacións profesionais de reparación de redes e as súas federacións, así como as demais entidades asociativas de profesionais xuridicamente constituídas).
Estas axudas contan cun investimento de 800.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), e o prazo permanecerá aberto ata que se esgote o crédito ou ata o día 20 de outubro.
Fonte: Consellería do Mar
