O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o liderado de Galicia no sector da acuicultura, e avogou por atraer cara á comunidade novos investimentos neste eido. Rueda, que participou hoxe en Rianxo no acto de colocación da primeira pedra da nova planta de adecuación a primeira venda de peixe plano de Stolt Sea Farm, fixo fincapé na importancia de que “Galicia se siga consolidando e que sigamos sendo unha referencia”.
O responsable do executivo autonómico, que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, apuntou que moitos territorios “están competindo por ter este tipo de actividades e por ser hubs de acuicultura”. Do mesmo xeito, subliñou que estas iniciativas son “industrias do futuro” e contribúen á soberanía alimentaria. Ademais, apostou por “estes novos enfoques da riqueza que dá o mar” sen descartar “o que facemos tradicionalmente e facemos mellor que ninguén”.
Fonte: Consellería do Mar
