Villaverde destaca en Laxe o investimento en equipamentos portuarios como piar fundamental para reforzar a competitividade da pesca artesanal

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor as actuacións realizadas na lonxa de Laxe, entre as que se inclúen a mellora dos equipamentos da fábrica de xeo e a substitución dos accesos ás instalacións, cun investimento conxunto superior aos 120.000 euros. Unhas accións que contribúen a incrementar o valor engadido do produto pesqueiro local e a garantir un funcionamento máis moderno e sostible das infraestruturas portuarias, especialmente relevantes para a pesca artesanal da Costa da Morte.

Así o manifestou a responsable autonómica na súa visita á lonxa de Laxe para coñecer de primeira man os proxectos de mellora e modernización de equipamentos pesqueiros executados neste porto ao amparo das axudas autonómicas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), así como para asistir á poxa posterior do produto desembarcado pola frota local. Uns traballos orientados a reforzar a eficiencia, a seguridade e a calidade dos procesos vinculados á primeira venda do peixe, así como a mellorar as condicións de traballo das persoas profesionais do sector.

Marta Villaverde lembrou que estas actuacións enmárcanse na estratexia da Xunta para fortalecer o sistema portuario pesqueiro galego, a través dunha liña específica de axudas destinada á mellora de equipamentos colectivos en portos e lonxas. Neste sentido, indicou que o Goberno galego executou entre 2018 e 2025 preto de 400 actuacións por un importe global de 26 millóns de euros, no marco do Plan de Equipamentos Portuarios de Galicia 2030.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES