A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou o venres 6 de marzo na presentación do III certame artístico Mulleres do mar, inspiradoras da arte, organizado pola Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (Opromar), unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) que rende homenaxe ao papel das traballadoras no sector marítimo-pesqueiro galego, coincidindo coa celebración do 8M, e que pon en valor a súa contribución social, económica e cultural ao longo das xeracións.
Durante a súa intervención, Villaverde destacou que as mulleres vinculadas á actividade marítima “son Galicia Calidade, representando un piar esencial das comunidades costeiras”. Neste sentido, incidiu no importante traballo desenvolvido por mariscadoras, redeiras, percebeiras, traballadoras da industria transformadora e profesionais doutros ámbitos vinculados ao mar. Un esforzo e un labor que desde a Xunta quérese reforzar co Estatuto das Mulleres do Sector Marítimo-Pesqueiro e que afondará no compromiso coa igualdade e coa promoción do talento feminino neste sector, así como no apoio ás entidades implicadas no recoñecemento destas profesionais.
Fonte: Consellería do Mar
