Villaverde destaca o papel estratéxico dos portos na Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o papel estratéxico dos portos da comunidade autónoma na Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027, pois son axentes decisivos na transición cara a un modelo sostible e inclusivo, contribuíndo tanto á innovación tecnolóxica como á protección ambiental e ao desenvolvemento económico do litoral galego.

Dotada con 114 millóns de euros, esta acción impulsada polo departamento que dirixe será determinante para o obxectivo de situar a Galicia como referente neste ámbito, á vez que consolidará o liderado da comunidade como primeira potencia europea nos sectores pesqueiro e acuícola. E é que, tal e como sinalou a responsable autonómica, “non só é producir, senón como producir: con respecto ao mar, con innovación e con visión a longo prazo”.

A titular de Mar clausuraba así o VII Workshop BPI, promovido pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Unha acción incluída na iniciativa Portos Azuis, da que forma parte a Xunta e que está destinada á transformación dos portos pesqueiros en motores de crecemento económico, social e ambiental, a través da mellora da eficiencia operativa destas infraestruturas e da posta en marcha de prácticas inclusivas e sostibles que beneficien ás comunidades costeiras locais.

Fonte: Consellería do Mar

Noticia | Portal da Consellería do Mar

gl_ESGL_ES