A conselleira do Mar, Marta Villaverde, entregou esta tarde ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, os informes socioeconómicos encargados pola Xunta á Universidade de Santiago de Compostela, e que avalan que os recortes propostos pola Comisión Europea, baseados nos informes do ICES, para a xarda, o lirio e o abadexo supoñen un grave prexuízo para os intereses e a viabilidade da frota galega.
Con esta acción, enmarcada na rolda de contactos que a responsable autonómica está a ter con motivo do Consello de ministros de Agricultura e Pesca da UE (Agrifish), Villaverde continuou poñendo en valor a importancia que ten a actividade pesqueira para Galicia, tanto en termos de emprego, como de competitividade empresarial e de desenvolvemento dos territorios costeiros.
Fonte: Consellería do Mar
