A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e xunto ao presidente da DOP Mexillón de Galicia, Mané Calvo, e ao futbolista Iago Aspas, presentou en Vigo a nova campaña de comunicación deste distintivo de calidade, que ten como lema Se é galego, salta á vista. Alí, a responsable autonómica destacou que o mexillón forma parte da identidade de Galicia e que detrás de cada produto hai unha actividade económica e social estreitamente ligada ás rías. “O mexillón é parte da nosa identidade, da nosa cultura, da nosa paisaxe e tamén un motor económico para Galicia”, sinalou Villaverde, que puxo en valor especialmente o traballo das persoas que cada día manteñen viva a actividade nas bateas. Neste sentido, subliñou que o selo da DOP permite ao consumidor recoñecer o produto criado e producido nas rías galegas e contar cunha garantía sobre a súa orixe e calidade.
Fonte: Consellería do Mar
Noticia | Xunta de Galicia
