A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado a bordo da patrulleira Mar de Galicia dos traballos de inspección que realiza Gardacostas de Galicia, e que se enmarcan no obxectivo de loita contra o furtivismo e a protección da actividade marítimo-pesqueira, situando a Galicia na única comunidade española que conta cun servizo destas características.
Precisamente, no marco do obxectivo de frear a pesca ilegal, evitar o fraude e garantir a salubridade dos produtos do mar -centrada en que o recurso non saia do seu medio, incautando as artes e medios empregados obtidos de forma irregular-, Gardacostas levou a cabo o pasado ano 9.726 inspeccións, levantou 2.568 actas de infraccións e realizou 36.785 incautacións.
Esta unidade opera as 24 horas e os 365 días do ano, dando resposta inmediata aos incidentes que se producen no litoral. Nos seus 35 anos de historia, cumpridos en agosto do 2025, tamén salvou a vida de máis de 1.800 persoas. Trátase, por tanto, segundo subliñou a conselleira, “dun servizo esencial, de aí que nos Orzamentos do 2026, sen ter en conta os gastos de persoal, a súa partida ascenda a 18,2 millóns de euros”.
Fonte: Consellería do Mar
