A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou no Consello de Agricultura e Pesca da UE (Agrifish), celebrado en Bruxelas, onde entregou ao comisario de Pesca e Océanos a posición común das comunidades autónomas sobre a Visión 2040 para a pesca e a acuicultura. O documento reclama unha folla de ruta para concretar a posible reforma da Política Pesqueira Común, adaptar a xestión ás características das distintas pesquerías e reforzar a participación das rexións e do sector nas decisións europeas.
Villaverde valorou tamén os avances para renovar o protocolo pesqueiro entre a UE e Mauritania e pediu que se concrete canto antes para facilitar a planificación da frota. Ademais, rexeitou os recortes propostos para 2027 en especies de especial importancia para Galicia, como a pescada do sur, cunha redución do 20 %, e o ollomol, cun 35 %, advertindo do seu posible impacto económico e social sobre a frota e as comunidades costeiras.
Fonte: Consellería do Mar (Xunta de Galicia)
Noticia | Xunta de Galicia
